28/11/11

PREMIOS XOAN MANUEL PINTOS «O futuro do galego depende moito da nosa capacidade de resistencia»



''Este premio dános alento para continuar co noso labor''. Belén Escariz e Rubén Rivas agradecían desta maneira, onte, en Pontevedra, o premio Xoán Manuel Pintos que este ano foi a parar á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Despois citaron o texto que saíu da asemblea da coordinadora este ano, no que se facía fincapé na resistencia como valor fundamental dun traballo de defensa do idioma. ''Debemos esforzarnos por manter a esperanza. O futuro do galego depende moito da nosa capacidade de resistencia. Cómpre non quedar na crise e no lamento. Resistir ten que ser avanzar''.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística foi merecedora do premio Xoán Manuel Pintos 2011 na categoría de traxectoria recente, mentres a Aula Castelao de Filosofía o foi na de toda unha traxectoria a prol da lingua. Ámbalas dúas institución recibiron os seus respectivos recoñecementos nun acto que tivo lugar onte á noite no Pazo de Mugartegui. Os premios Xoán Manuel Pintos, que recoñecen o compromiso coa defensa da lingua galega realizado por persoas ou institucións, están convocados polo Concello de Pontevedra a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) e non ten dotación económica.
Carlos Calviño
 No nome da Aula Castelao, recolleu o galardón o seu coordinador, Carlos Calviño, que lembrou que entre os obxectivos fundacionais da institución estaba a defensa dunha serie de principios dende un compromiso irrenunciable a prol da lingua galega. ''A galeguización da sociedade estaba entre os nosos obxectivos primeiros'', explicou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario