29/02/12

Nace o Dioivo

 Despois do seu vídeo-promoción  retranqueiro, chega un novo medio en galego (como se houbera tantos!)
Non podía ser noutro dia, un 29 de febreiro. Agora faránsenos máis curtos os 4 anos que teremos que agardar para celebrarlle o seu primeiro aniversario.
Dando mostras de continuar na mesma liña demostrada nos seus anuncios de saída, ao tempo que declaran que ao saíren escaldados das experiencias en medios tradicionais,  'non son tempos de papeis', tamén nos ofrecen o seu número cero precisamente en papel.
O Dioivo chegou e fíxoo cheo de contidos. Impresionante, hai que mollarse e consultalo

18/02/12

12/02/12

Á procura dun tratamento intregrado das linguas na escola galega

O II encontro de equipos docentes pola normalización analizou a situación dos centros plurilingües en Galicia

O sábado día 11 celebrouse en Santiago o II encontro de equipos docentes pola normalización. Esta xornada contou nunha primeira parte con dous relatorios moi interesantes. O  primeiro relatorio estivo a cargo do catedrático de lingua da Universidade de Santiago,Vez Jeremías (a pesar da súa ausencia por causa maior) na que se fixo unha análise dos Centros Plurilingües, no que considera que na práctica poden excluír a lingua galega do sistema educativo e que, ademais, non conseguen que o alumnado domine outras linguas. O segundo relatorio contou coa presenza de Mercedes Queixas (profesora de ensino secundario) na que se aposta por unha metodoloxía alternativa, que está baseada nun tratamento integrado de linguas, fórmula xa experimentada noutras comunidades para acadar un plurilingüismo inclusivo consistente, simplificando moito, en mudar estratexias e métodos, para, partindo da lingua propia, conseguir un alumnado realmente formado en linguas, como a sociedade actual demanda.

Mercedes Queixas presentou a ponencia sobre o Tratamento Intregrado de Linguas: 
unha proposta didáctica plurilingüe alterantiva

 Experiencias

A CGENDL tamén puxo en valor as experiencias e propostas para os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nas que se expuxeron diferentes proxectos que se deseñan e desenvolven nos Equipos de Normalización: novas tecnoloxías relacionadas coa lingua, o voluntariado lingüístico, subtitulado en galego de contidos audiovisuais, entre outros.
Finalmente, tamén se presentou o Premio de Normalización Lingüística LEIXAPRÉN,  unha campaña para a normalización no ámbito empresarial para desenvolver este ano con motivo de lle dedicaren o Día das Letras Galegas ao escritor, activista cultural e empresario Valentín Paz Andrade e presentarase o Proxecto Vitaminas para o galego de apoio aos medios de comunicación escritos en galego.

10/02/12

A Xunta recortou un 62% o orzamento de Política Lingüística dende 2009

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). O departamento antes dirixido por Anxo Lorenzo e dende xaneiro por Valentín García foi obxecto dun verdadeiro desplome económico, perdendo o 62,4% do seu orzamento desde 2009. 
Toma de posesión de Valentín García como SXPL

Atendendo aos datos oficiais do Goberno galego, nas contas de 2009 -as últimas elaboradas polo bipartito de PSdeG e BNG- a SXPL, daquela con dependencia directa do presidente da Xunta, tivo asignados 21,5 millóns de euros. En pleno proceso de elaboración do chamado decreto do plurilingüismo a secretaría, xa integrada na Consellería de Educación, sufría a primeira tesoirada e quedaba nos 15,6 millóns para o ano 2010. No exercicio seguinte, o de 2011, o recorte foi doutro tanto e os fondos rebaixáronse ata os 9,3 millóns de euros.

09/02/12

II Xornadas de "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universtario"

A Universidade de Santiago presentou as actas das II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" que se desenvolveron no pasado mes de novembro. O traballo está coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela.

Mercedes Queixas Zas colabora co artigo "Mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino. O decreto do plurilingüismo" no que analiza os males que o decreto do plurilingüismo trouxo ao ensino e ao traballo normalizador na educación.
Noutro artigo Mercedes Queixas xunto con Valentina Formoso alertan sobre a presunta elección da lingua do ensino polas familias traballando sobre as liñas e galego e a súa  eliminación por parte do actual goberno da Xunta: "agora a Administración fala de respectar a decisión dos pais, pero ataca directamente o dereito a recibir ensino en lingua galega a rapaces e rapazas en ámbitos urbanos". Varios artigos sobre a planificación lingüística nos últimos anos en centros que contaban con liñas de galego confirman que mediante a súa aplicación evitábase a exclusión do galego en contornas castelán-falantes.
Outros artigos achégannos as experiencias normalizadoras realizadas en Melide, Rianxo, Culleredo, Santiago de Compostela, ou desde diversos puntos da xeografía galega aproveitando as oportunidades de conexión que nos ofrecen as TIC.
Un documento para ler e a ter moi en conta para aplicar na práctica diaria da normalización dos centros de ensino.

II Xornadas "Planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios" , coordinado por Bieito Silva Valdivia, Xesús Rodríguez Rodríguez e Isabel Vaquero Quintela. II Xornadas "Educación e linguas en Galicia" Publicado en novembro do 2011.

08/02/12

Recital de César Morán no IES Elviña

A biblioteca do centro organizou este acto

Como remate a un ano (o 2011) de celebración do nacemento do poeta mindoniense, o equipo da biblioteca invitou ao profesor e músico César Morán a presentar a súa obra musicada sobre poemas do autor. O acto tivo lugar o un de febreiro.

En palabras do autor o libro-disco Haberá primavera, poderíase ter feito en calquera momento, antes o despois do centenario, pero era agora cando era máis necesario e oportuno. Considera que é unha necesidade urxente facer este monográfico sobre o autor ao que ten dedicado o maior número de horas e a máxima intensidade do seu tempo dende hai máis de trinta anos.

Haberá primavera é unha viaxe pola obra de Cunqueiro a través dos poemas que en diferentes épocas foi escribindo. O proxecto trata de escoller poemas pouco abordados na terefa de musicalos.
Os poemas pertencen aos libros Mar ao norde (1932), Poemas do sí e o non (1933), Dona do corpo delgado (1950), Herba de aquí e acolá (1980) e Herba de aquí ou acolá (1991).
Na obra aparece unha das últimas conversas que o autor tivo con Cunqueiro o ano 1980 e nas que se tocan temas de literatura.

05/02/12

Valentín Paz Andrade: Empresa en Galego

Proposta da CGENDL

 A Coordinadora Galega de ENDL quere aproveitar a figura de Valentín Paz Andrade e a súa vinculación co mundo da empresa para dirixir unha campaña de normalización neste ámbito e presentar unha serie de accións arredor das cales se pode traballar desde os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. En todas e en cada unha delas preténdese actuar, con maior ou menor intensidade, sobre a situación da lingua dentro do mundo da empresa. No enlace descríbese o proxecto e cada unha das medidas máis polo miúdo.
Por se vos é de axuda, as diferentes accións van acompañadas de ligazóns a recursos e materiais que xa se teñen desenvolvido nalgúns centros de ensino con anterioridade e que vos poden dar ideas para levalas adiante na medida das posibilidades e/ou recursos de cada equipo. Están á vosa disposición na páxina web da actividade:


03/02/12

Xuntanza da Coordinadora Comarcal dos ENDL

Celebrarase no IES Elviña o próximo 9 de febreiro ás 18 horas

Orde do día

 
1.      Propostas da reunión anterior. (breve resumo)
2.      A situación actual dos Equipos. Entrevista do consello directivo da CGENDL  co SXPL.
3.      Proposta de actividades  da CGENDL  sobre Valentín Paz Andrade.  Aportacións dos Equipos da comarca coruñesa.
4.       Blog dos Equipos da comarca coruñesa (http://cendlcorunha.blogspot.com/): activación e participación dos centros da comarca.

02/02/12

XIII certame musical: A mocidade coa lingua

Organiza este ano o IES Manuel Murguia de Arteixo. Gañadores do certame o ano pasado


Teñen prevista a celebración o 16 de maio no Centro Cívico de Arteixo.


Imaxes do XII certame. Celebrado o ano pasado en Sada. Organizou o IES Mosteirón

Bases do XIII certame musical: “A mocidade coa nosa lingua”.

1- Os centros comprométense a desenvolver esta actividade en dúas fases:
- Fase interna de clasificación de cada un dos centros participantes.
- Fase intercentros.
2- Poderán participar grupos e/ou solistas que, cando menos, o 50% dos seus compoñentes sexan alumnos
do centro.
3- Cada centro poderá participar na fase intercentros cun máximo de dous grupos. No caso de que sexan moitos os centros participantes, a participación reducirase a un grupo por centro.
4- Cada grupo ou solista interpretará dúas pezas musicais como máximo. Por criterios organizativos, as
pezas tamén se poderían ver reducidas a unha.
5- A letra da composición, se a tiver, deberá estar en lingua galega e poderá ser de autoría propia ou
tratarse dun poema musicado. Un mes antes do Certame enviaranse as letras á Organización.
6- No caso das pezas instrumentais, interpretarase “música de raíz”, podendo ser tanto temas populares
como de creación propia.
7- Tendo en conta que se trata dunha actividade que ten como obxectivo promover o uso do galego, valorarase a soltura e calidade do dominio da nosa lingua nas manifestacións do grupo dirixidas ao público
(presentación dos compoñentes, comentario dos temas...).
8- Valorarase o feito de que as letras ou a música sexan orixinais.
9- O xurado estará integrado por un profesor/a e un alumno/a de cada un dos centros participantes. O seu
fallo será inapelable.
10- Haberá tres premios en metálico:
1º premio: 300 euros
2º premio: 200 euros
3º premio: 150 euros.
11- O Certame está aberto a todos aqueles centros que queiran participar, sempre que asuman as bases expostas e aporten a cota económica correspondente derivada do reparto dos gastos necesarios para levar
a cabo o certame.
12- O incumprimento de calquera dos puntos das bases provocará a descualificación do grupo ou solista.
13- A fase final intercentros terá lugar no mes de  maio no centro cívico de Arteixo ás 10:30 horas .A capacidade do centro é de , aproximadamente, 300 persoas .

Rosa Mosquera
Coordinadora do ENDL do IES Manuel Murguía (Arteixo)

01/02/12

Praza Pública

Dirixido por Marcos Pérez Pena. Con David Lombao e Lara Graña na redacción

Vai a Praza Pública

 Un obxectivo

O obxectivo de Praza Pública é enriquecer o panorama dos medios galegos. Durante estas primeiras semanas irán facendo moitos cambios, corrixíndolos e mellorándolos. Pero tamén necesitan da túa axuda.