30/04/12

Exposición de Valentín Paz Ándrade no IES Mosteirón (Sada)





O Instituto O Mosteirón de Sada  foi un dos escollidos para montar unha exposición itinerante que nas  vindeiras semanas percorrerá distintos centros de toda Galicia. A mostra, que estará no centro desde o 4 ao 11 de maio, pretende achegar á mocidade a figura de Valentín Paz Andrade, escritor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Esta exposición componse de cinco paneis con pantallas integradas e unha videoproxección de gran formato que permiten un achegamento á súa produción literaria, ao seu compromiso político, á súa tarefa empresarial e á súa obra ensaística e xornalística. Asemade tamén contaremos con diversos materiais didácticos para que toda a comunidade educativa faga uso dos mesmos  Un propósito do Equipo de Normalización da Lingua Galega do noso instituto é propiciar que os centros da zona teñan a oportunidade de visitar esta exposición de grande aproveitamento didáctico, polo que todos sodes convidados a asistir ao noso instituto.

Chamade por teléfono (981620125) de 10:10 a 10:30, ou de 12:10 a 12:30, e preguntade por Xosé. Reservarémosvos un tempo para a visita.   
Máis información no blog ÉDELINGUA

29/04/12

Premio Leixaprén 2012

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convoca este concurso de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega.
Os destinatarios do premio serán persoas, entidades ou institucións que se caractericen por unha defensa activa da lingua galega nalgún ámbito da vida económica, social ou cultural.
Este ano no que o día das letras galegas está adicado a Valentín Paz Andrade, persoalidade destacada principalmente no campo económico e empresarial, pensouse en concederlle un premio a unha empresa que opere en Galicia, comprometida co uso do noso idioma na súa actividade económica. Os finalistas son:

A-1 Seguridade
Alimentos Amorodo
Imaxin Software
Martín Codax
R Telecomunicacións

Os Equipos poden votar ata o 15 de maio.




27/04/12

Viaxe a Mondoñedo e a Mariña Oriental

Ximcana por Mondoñedo e viaxe pola Mariña Intercambio co IES de Viós Organizado pola biblioteca do IES Elviña coa colaboración dos departamentos de lingua e literatura galega e equipos de normalización e dinamización lingüística do IES Elviña e de Viós.
A actividade realizouse o 19 de abril.

Mil primaveras máis... on PhotoPeach

26/04/12

Valentín Paz Andrade tamén participaba no Correlingua

Xa está en marcha o Correlingua. Na Coruña será o 4 de maio

Cómpre lembrar, neste ano en que Valentín Paz Andrade é o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que el mesmo participou nas carreiras pola lingua, cando esta actividade deportivo-reivindicativa comezaba trotar polas rúas de Vigo, na década dos 80. O Correlingua de hoxe é o sucesor das carreiras pola lingua de entón, e como daquela quere seguir reclamando a atención do conxunto da sociedade sobre o noso idioma.



O vindeiro 2 de maio comeza a décimo segunda edición do Correlingua. Para esta edición eliximos o lema: Galego, todo o que buscas, lanzando a mensaxe de que o noso idioma pode e debe estar presente en absolutamente todos os ámbitos.
 O alumnado demostrou unha vez máis a súa capacidade para dar conta da situación do noso idioma, poñendo o foco sobre aqueles casos en que cómpre centrarse. Así este ano, as e os participantes no concurso de elaboración de manifestos fixeron fincapé na necesidade da presenza da nosa lingua nos medios de comunicación, e sinalaron a perda que supón a desaparición de varias cabeceiras que tiña como vehículo de comunicación o galego.

Novamente tamén, entenderon o valor dun manifesto e botaron man dos recursos literarios para facer un chamamento ao uso do noso idioma. E así, no centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, as palabras dos mozos fai que veña á nosa memoria o nunca esquecido poema: “Deitado frente ao mar”, palabras de compromiso co noso idioma, chamamento ás conciencias, reivindicación do uso do nosa lingua en todo tempo e lugar.

25/04/12

V Encontro lingüístico entre o IES Agra de Leborís (A Laracha) e o IES Elviña (A Coruña)

O alumnado do IES Agra de Leborís e Elviña compartiron vivencias o 25 de abril no instituto da Laracha. Este ano traballaron sobre o medio ambiente. O eslogan foi Elixo o verde. Tamén enfrontáronse á elaboración de programas de radio desde distintas perspectivas (crónica-reportaxe, programa musical, entrevistas, programa concurso...). Os gañadores deste ano foron o grupo das Nogueiras.
 PhotoPeach



21/04/12

Lingua de namorar

Campaña organizada por Política lingüística


Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.
O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
O concurso Lingua de namorar consiste en enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, que poderá redactarse en prosa ou en verso. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
O prazo para enviar as mensaxes permanecerá aberto ata o 17 de maio. Para participar é preciso cubrir o formulario de inscrición.
Todas as mensaxes enviadas ao concurso poderán verse nesta mesma páxina, nos botóns Categoría A e Categoría B que atoparás no lateral dereito.
Do 18 ao 25 de maio abrirase un prazo para que os usuarios e usuarias voten polas súas mensaxes favoritas. Cada usuario/a poderá votar por un máximo de tres mensaxes en cada unha das categorías de idade.
Establécense dúas categorías de idade:
  • Categoría A: de 14 a 19 anos
  • Categoría B: de 20 a 35 anos
 
As mensaxes gañadoras recibirán os seguintes premios:
    - Categoría A:
    • 1º Un computador netbook
    • 2º Unha consola Wii
    • 3º Unha cámara de fotos dixital
     
    - Categoría B:
    • 1º Un iPad
    • 2º Un libro electrónico cunha selección de títulos en galego
    • 3º Unha cámara de fotos dixital
 
O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación e elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 100 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade.
Os nomes das persoas gañadoras publicaranse o 30 de maio neste espazo web.
No mes de xuño haberá unha entrega de premios que terá lugar en Santiago de Compostela.
Podes consultar as bases completas de Lingua de namorar nesta ligazón.
 

20/04/12

Poesía e música para apoiar os medios en galego en Santiago o 27 de abril


Vitaminas para o Galego, a plataforma na que colaboran 24 medios de comunicación na lingua propia, organiza un festival artístico o vindeiro venres 27 de abril en Compostela. O evento inclúe un recital poético a cargo de Olalla Cociña, Xia Arias, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, seguido dun concerto do grupo punk de Muros Terbutalina.

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego, que nos últimos anos sufriron importantes baixas. As entradas saen a só 4 euros (5 o día do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis a 10 euros. O concerto será no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde se poden mercar as entradas, ademais de na Reixa, Casa das Crechas e Restaurante Rúa.

No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas.

A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta.  Colaboran ademais Xornal Certo , O Sil.info , Crónica 3 , Radio Nordés , Terra Chá.Xa , Crónicas da Comarca , Surf GZ , Cardenos de Comunicación e Análise ,Lalín e Comarca , Hermes e Atenea , Disquecool , De Luns a Venres , Cabozo.com , Vencello , Cartafol , A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico , Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene,

18/04/12

Maioría de idade para Xabarín Club

Xabarín Club faise grande

O 18 de abril de 1994, ás 18 horas, botaba a andar na TVG unha emisión de Xabarín Club que moi pronto deixou de ser somentes un programa televisivo infantil e xuvenil,  converténdose nun fenómeno social, nunha icona que foi normalizando a nosa lingua e xerando en nós un sentimento de identidade coa nosa cultura: a galega.

Cando a rapazada escoita o Xabarín, estamos a falar de darlle ao noso idioma a importancia que ten, de puxar por facer cousas como ler libros, cómics, xogar na rúa cos amigos, cantar a xaba-música
A celebración deste aniversario, o 18º, precisaría dun capítulo especial e moi longo. Felicitamos a este programa feito, por suposto, desde a televisión pública a de todos nós.

16/04/12

Todos a un tempo: lendo xuntos

Manifestación pública a favor da lectura no Obelisco

Un ano máis, “Todos a un tempo: lendo xuntos”.
Para que non falten os que pensan que a lectura é algo atractivo, necesario, divertido, que cura,que axuda, que… Para que non falten os que pensan que é un preciar tesouro que hai que conservar, potenciar, reivindicar…
 Un ano máis na cidade o GRAN CORO LECTOR!
 De que vai a cousa?
1. Plántarse no Obelisco o 23 de abril ás 19 h.
2. Traer un libro, un cómic, un folleto, un prospecto, o que se queira.
3. Estar atento ao sinal de inicio.
4. Ler en voz alta durante cinco minutos.
5. Terminamos con outro sinal acústico.
.:www.coruna.es/biblioteca ws
.: www.facebook.com/bibcoruna
.: www.twitter.com/bibcoruna

08/04/12

Galego, todo o que buscas

Outro gran vídeo realizado polo Equipo de Dinamización do IES Mosteirón seguindo o eslogan da convocatoria do Correlingua deste ano.