19/03/13

Os equipos de normalización piden á Xunta que "reconsidere" a súa estratexia co galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl), que agrupa a máis de 400 equipos e docentes, pídelle á Xunta que cumpra a lei, logo das sentenzas do TSXG que invalidan dous puntos clave do decreto do plurilingüismo, e que aplique os principios xerais da Lei de Normalización, reconsidere a súa estratexia co idioma e "deixe de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego".



15/03/13

VI Encontro IES Elviña-IES Agra de Leborís

Encontro lingüístico organizado polos EDLG dos dous centros. 
Este ano estará centrado nos  prexuízos
Participan os alumn@s de 4º de ESO de ámbolos centros

02/03/13

Dicionario de alimentación e gastronomía

Presentación na Real Academia Galega

Esta obra, un glosario de máis de 3500 termos traducidos ao castelán e o inglés, pretende contribuír á normalización do uso do galego no ámbito da hostalaría.

O coordinador da obra e membro de número da Academia, Manuel González González, empezou a súa intervención destacando a plena coherencia da publicación deste dicionario co fin encomendado ao Servizo de terminoloxía galega, Termigal: o de ofrecer recursos terminolóxicos para facilitar o uso do galego en áreas lingüísticas especializadas, e informou: "Na elaboración desta obra participaron moitas máis persoas das que aparecen citadas na nómina de redactores, pois para crear un dicionario destas características é preciso contar tamén cos profesionais de cada sector, que son o seu destinatario". A continuación, o académico destacou a importancia do sector hostaleiro na sociedade e na economía actuais, "a restauración está presente na nosa vida diaria e forma parte tamén da chamada paisaxe lingüística, é dicir, da visibilidade externa dunha lingua". Manuel González rematou a súa intervención facendo un chamamento aos hostaleiros a empregaren o galego nos seus menús e como lingua de partida cos seus clientes.

01/03/13

Premios Leixaprén 2013

Lingua, deporte e poder simbólico



Convocado pola CGENDL
Resulta unha evidencia que no mundo actual, o deporte, especialmente o profesional, constitúe unha das manifestacións sociais máis coñecidas, recoñecidas, pero tamén máis influíntes na conformación de modelos de comportamento. Moitos dos nosos rapaces e rapazas aspiran a acadar a posición social, fama ou prestixio dos mitos do século XXI, grandes futbolistas, baloncestistas, tenistas, deportistas en xeral.

CANDIDAT@S

Gustavo César Veloso (ciclista)

 Javier Gómez Noya (atletla)
Pilar Neira Martínez (balonmán e fútbol)
 Vero Boquete (futbolista)

26/02/13

Rosalía de Castro no século XXI

Unha nova ollada Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega

En 1863 Rosalía de Castro editou en Vigo Cantares Gallegos, un poemario de inspiración popular que "inaugura a cultura galega contemporánea", en palabras do profesor Anxo Angueira. Co gallo de celebrar os 150 anos da súa edición, o Consello da Cultura Galega ofrece unha versión facsimilar desta primeira edición viguesa de Cantares Gallegos, na que se desenvolven moitas das temáticas literarias de Rosalía de Castro.


25/02/13

Imaxina Cantares!

Concurso organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística


Autoría da imaxe Ruth Caramés Blanco

 Coincidindo co Día de Rosalía e coa celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convocan conxuntamente o concurso Imaxina Cantares! para que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual.
O certame está dirixido a alumnado dos centros educativos de titularidade pública coordinado por profesorado pertencente ao equipo de dinamización da lingua galega que, sempre que o traballo presentado acade os mínimos de calidade esixidos polo xurado, recibirá 8 horas de formación permanente. Ademais, para os mellores traballos establécense dous premios, un primeiro de 300 euros e un segundo de 200, en cada unha das tres categorías contempladas: educación infantil e primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais. 
150 aniversario da publicación de Cantares gallegos
O primeiro poemario de Rosalía escrito en galego, Cantares Gallegos, marca o inicio do Rexurdimento das nosas letras e constitúe un excelente exemplo de reivindicación da nosa lingua e da nosa dignidade como pobo.
Nos últimos anos, as actividades de carácter audiovisual que promoven os equipos de dinamización da lingua galega non son só as preferidas polo alumnado, senón tamén as que se evidencian como máis efectivas para dinamizar e potenciar o uso do galego no eido educativo.
Con esta iniciativa, o significado dos versos de Cantares Gallegos reinterpretarase nas formas de expresión máis atractivas para os alumnos e alumnas de hoxe –videoclips, curtametraxes, anuncios publicitarios etc.–, sempre sen perder a esencia que os consagrou como universais.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 22 de marzo de 2013
Prazo de envío das gravacións: ata o 22 de abril de 2013