02/03/13

Dicionario de alimentación e gastronomía

Presentación na Real Academia Galega

Esta obra, un glosario de máis de 3500 termos traducidos ao castelán e o inglés, pretende contribuír á normalización do uso do galego no ámbito da hostalaría.

O coordinador da obra e membro de número da Academia, Manuel González González, empezou a súa intervención destacando a plena coherencia da publicación deste dicionario co fin encomendado ao Servizo de terminoloxía galega, Termigal: o de ofrecer recursos terminolóxicos para facilitar o uso do galego en áreas lingüísticas especializadas, e informou: "Na elaboración desta obra participaron moitas máis persoas das que aparecen citadas na nómina de redactores, pois para crear un dicionario destas características é preciso contar tamén cos profesionais de cada sector, que son o seu destinatario". A continuación, o académico destacou a importancia do sector hostaleiro na sociedade e na economía actuais, "a restauración está presente na nosa vida diaria e forma parte tamén da chamada paisaxe lingüística, é dicir, da visibilidade externa dunha lingua". Manuel González rematou a súa intervención facendo un chamamento aos hostaleiros a empregaren o galego nos seus menús e como lingua de partida cos seus clientes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario