07/01/12

Valoración da CGENDL sobre a xestión do Secretario Xeral de Política Lingüística

A CGENDL despide ao Secretario desaprobando a súa xestión e lamentando a herdanza que deixa, nomeadamente no ámbito do ensino, no que a lingua galega sufriu unha involución lexislativa sen precedentes

Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos, se lanzou un discurso negativo ao redor do idioma e se crearon novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ámbito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL.
1/ A derrogacción do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os estudos obrigatorios con plena competencias en ambas linguas oficiais.
2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular no ensino e imposibilita que a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico se impartan en galego, contribuíndo a desandar o lento camiño que se trazara na dignificación da lingua.
Ademais de acentuar o desequilibrio entre as linguas oficiais, ao abeiro deste regulamento equiparouse o ensino das linguas estranxeiras ás linguas oficiais e creáronse os centros plurilingües, nos que calquera materia se pode impartir en inglés ensaiando a inmersión neste idioma, mais non se establecen os mecanismos para asegurar que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
3/ A supresión, en contra da opinión do profesorado e das familias, das exitosas liñas de galego en Educación Infantil que posibilitaban un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización. Así mesmo, a enquisa programada para escoller a lingua nesta etapa, ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, elimina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.
4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidade educativas especiais.
5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.
6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.
7/ O abandono dos Equipos por:
  • O desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua.
  • A falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos.
  • A ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación do traballo, etc.
  • A falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.
  • A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.

1 comentario:

  1. Desde logo o Secretario Xeral de Política Lingüística saínte deixa un amargo recordo nos Equipos, aos que tivo abandonados durante o exercicio do seu cargo, a pesar de ser o máximo responsable dos mesmos. Fixo todo o contrario do que recolle o Plan Xeral da Lingua Galega do 2004, en cuxa elaboración participou. É un claro exemplo de "virachaquetas".

    ResponderEliminar