31/10/13

Cinemacurtas

Nos cines Filmax tódolos meses de novembro



Crecemos facendo curtametraxes e sempre defendemos a curta coma formato propio. Hai historias que emocionan en 5 minutos que nunca conseguirán transmitir o mesmo en 90.
Máis alá dos tradicionais festivais, as curtas non teñen unha saída para o gran público coa calidade que merecen, tanto en imaxe coma en son e é imposible ver curtas nunha sala de cinema na actualidade.
Por iso desde PIXEL FILMS e FILMAX GALICIA quixemos dignificar as curtas e ofrecer o mellor lugar e calidade de proxección para darlle ás curtas a importancia que merecen: unha sala de cinema dixital en alta definición nos CINES FILMAX 3D A CORUÑA de LOS CANTONES VILLAGE.
Esta iniciativa pretende levar as curtas, pequenas ou grandes, ao mellor escenario posible e así dar a oportunidade ao gran público de gozar de pequenas, pero grandes obras de arte.
Non deixedes pasar esta oportunidade,

TODOS OS XOVES DE NOVEMBRO ÁS 21h. CURTAMETRAXES NOS CINES FILMAX.




30/10/13

Miguelanxo Prado premio de banda deseñada

O debuxante, primeiro galego en conseguir o galardón, foi distinguido pola súa obra Ardalén

O coruñés Miguelanxo Prado foi galardoado co Premio Nacional de Cómic que concede o Ministerio de Cultura. O premio, dotado con 20.000 euros, recoñece o labor do historietista e debuxante coruñés -o primeiro galego en recibir esta distinción- ao longo das 256 páxinas de Ardalén ( Norma), unha obra que tamén se fixo co premio a Mellor Obra de autor español no pasado Salón do Cómic de Barcelona.


Miguelanxo Prado é un dos autores máis recoñecidos no mundo do cómic. Autor de obras como Trazo de Xiz (Norma) e a serie de historietas Quotidianía Delirante (Norma) (tamén galardoada como Mellor obra nacional no Salón do Cómic de Barcelona), o coruñés arrincou a súa andaina artística na década dos 80, colaborando en cabeceiras como Zona 84, Comix Internacional, 1984, Cairo, Cimoc ou El Jueves.
Tamén realizo cómics baseados en guións alleos como Pedro e o lobo, ou a serie O manancial danoite . Traballou para a Televisión de Galicia creando o personaxe Xabarín e todos os da serie Vos vixilantes do Camiño. En 1998 deseñou os personaxes da serie de animación Men in Black para Dreamworks. No 2003 viu a luz a súa colaboración co coñecido guionista de Sandman , Neil Gaiman, no libro colectivo Noites eternas.
No 2007, Miguelanxo embarcouse nun ambicioso proxecto que culminou cun rotundo éxito: De Profundis (2007), unha película de animación que é mesmo dirixiu, escribiu e debuxou. Ademais, é director do Viñetas desde o Atlántico, o Salón do Cómic que se celebra todos os veráns na cidade da Coruña. O 28 de novembro do 2009, o debuxante ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes.


29/10/13

Día da ciencia en galego: actividades da CGENDL

Videoconferencias de Jorge Mira e Marilar Aleixandre

Con motivo da celebración do IV Día da Ciencia en Galego o vindeiro martes 12 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias vía web, na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.



 

27/10/13

25 aniversario da Orquestra Panorama

Celebración na Coruña o 31 de outubro
Máis de 5000 asistentes estiveron  na gala organizada pola Orquestra Panorama no Coliseum da Coruña a noite do 31 de outubro. 
Na produción do espectáculo participaron 100 persoas, entre artistas, técnicos e responsables.
Visitaron cada esquina da xeografía galega, desde cidades ata ás máis recónditas parroquias e aldeas, pero sempre arrastrando unha marea de seguidores tras eles. A Orquestra Panorama celebrou o vintecinco aniversario cunha gran gala que teñiu de verbena a noite coruñesa  prolongándose durante máis de tres horas. Xunto á formación estivo unha decena de artistas de renome como Mónica Naranjo, Edurne, David Bustamante, Herdeiros da Crus e Efecto Pasillo.
Para a montaxe do aniversario da Panorama, desplegáronse no Coliseum sete trailers, fronte aos seis que empregou un artista como Lenny Kravitz.  A montaxe "superou a de producións internacionais" celebrada outras veces neste recinto de espectáculos .