Plataforma cooperativa do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia
A CGENDL, xunto coa CTNL e a SXPL, participa activamente no desenvolvemento de d-Lingua, unha plataforma cooperativa do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) que procurará rendibilizar o noso traballo normalizador ao partillar a producción e a reutilización de recursos de fomento da lingua galega.
Así, a través de d-Lingua, os ENDL accederán a materiais, campañas, propostas, etc. elaboradas por outros equipos para aplicar e adaptar nos seus propios centros, así como a outro tipo de recursos empregados polos Servizos de Normalización dos concellos, das universidades ou as asociacións e outras entidades.
O noso traballo normalizador depende, en boa medida e máis nestes tempos, da cooperación entre todos/as e da optimización do noso esforzo, por iso vos convidamos a asistir a unha breve xornada de formación para os ENDL que ten como obxectivo coñecer o funcionamento de d-Lingua e resolver todas as dúbidas que poidamos ter.
Data e lugar:
Venres 23 de novembro, entre as 17h e as 20h.
Biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi - Praza do Obradoiro - Santiago de Compostela).
Programa:
- Presentación e visita guiada pola plataforma.
- Dereitos Creative Commons: descrición da filosofía e tipos de licenzas.
- Os recursos da normalización lingüística: presentación de tipoloxías principais.
- Os dereitos de autor: sesión práctica. Establecemento da propiedade intelectual e dos dereitos de autor adaptándose ás circunstancias do ensino.
- Presentación dun protocolo de cesión de dereitos apto para d-Lingua.
Pregamos que nos confirmedes (nome e apelidos e centro educativo) a vosa asistencia xa que o aforo é limitado.
Independentemente da asistencia á xornada de formación, d-Lingua abrirase a todos os Equipos e docentes interesados cando se poña en marcha. O futuro da lingua constrúese entre todos/as, apostemos activamente pola cooperación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario