Actuación no Centro Ágora o día 7 de marzo ás 9 da noite
“Desaramar” é a forza da
música fronte a todas esas lacras socias que seguimos sen poder
erradicar. Creado por Maria Xose Silvar (Sés), o proxecto tenta extender
a idea de que unha outra sociedade é posíbel.
Podemos erradicar a violencia contra as mulleres, ou contra a diferenza
en xeral, educando na igualdade e facendo arte en igualdade. Para isto,
promovemos un espectáculo musical en que Sés, apoiada pola súa banda e
numerosos colaboradores fará un percorrido por temas propios e alleos
que, dalgún modo, nos instalan nesta idea.
Desaramar, romper os arames que nos impiden
vivir en paz, é posíbel. A educación na igualdade é posíbel e hai que
levala a cabo desde todas as tribunas, tamén desde os escenarios.
E a unión é a chave: mulleres e homes feministas, mulleres e homes de todas as xeracións.
Desta volta, Sés estará acompañada de Tereixa Novo (Fuxan os ventos),
Martín Sanjurjo (Saraibas), Luis Tosar, Piti Sánz, Ugia Pedreira, Leo
Arremecaghona, Mercedes Peón e Carlos Blanco.
Podemos desaramar, e podémolo facer cantando.