Alexandre de Fisterra inventou este xogo en 1937
Canción de
Os Diplomáticos de Monte Alto en
Xabarín Club.
Quen inventou o futbolín?
Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra,
(nado en Fisterra en 1919 e falecido en Zamora no 2007) foi editor,
escritor, inventor, republicano e testamentario de León Felipe.
Fillo do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Ós quince anos marchou estuda-lo bacharelato a Madrid.
Unha
vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que ó non poder
paga-lo colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixi-los
deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na
construción coma peón de albanel, como bailarín de claqué e despois
nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do
que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o
xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.
A guerra e o exilio
En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra Civil. Ó ter feridas
graves foi trasladado a un hospital de Montserrat (Barcelona). Alí
coñece moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ó fútbol, e
foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa.
Confioulle
ó seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a
fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non
obstante, non puido vende-lo invento a nivel industrial xa que tódalas
fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar
armamento por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona no ano
1937 ó igual có primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo
para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Co triunfo franquista
na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pirineos e
debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que
levaba no macuto.
No ano 1948 marcha a Quito (Ecuador). Alí funda a revista Ecuador 0°, 0', 0"
coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952,
foi a Guatemala, e alí despois de mellora-lo futbolín comezou a
fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas
contra o Che Guevara. Isto aconteu mentres había democracia no país, xa
que tralo golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, foi roubado e
secuestrado, quedando sen nada.
Axentes especiais españois
embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar,
refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia
envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a
tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un
refuxiado español". O avión desviouse a Panamá. Máis tarde marcha a
México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí
adicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a
editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal
editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas,
entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor
de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas do nicaragüense Ernesto Cardenal.
O regreso
Cando
volta a España logo de morrer Franco sorprendeuse ó ver que o futbolín
se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se
debera ó feito de que os fabricantes valenciáns asumiran o xogo coma
nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras
completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra
deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamentario.
Os
últimos anos da súa vida vivíunos en Zamora (a patria chica de León
Felipe), onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla. As súas cinzas
foron espalladas no Río Douro ó seu paso pola cidade de Zamora e no
Atlántico en Fisterra.
Era membro non numerario da Real Academia Galega.