26/01/12

Recortes dun 70% nas axudas para o fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario

 As cuantías máximas das axudas pasan de 2.000 a 1.250 euros
As axudas chegan tarde, mal e moi recortadas. Os centros de ensino de infantil, primaria e secundaria, tanto públicos como privados, terán este curso menos  fondos para adicar ao fomento do galego. A Consellería de Cultura e Educación acaba de abrir a súa convocatoria anual para esta clase de proxectos cun recorte próximo ao 70% na dotación orzamentaria. A rebaixa é case homoxénea, segundo o Diario Oficial de Galicia (DOG). Os colexios e institutos públicos disporán de 250.000 euros fronte aos 800.000 do curso 2010-2011, un 68,7% menos. Os privados pasan de 50.700 a 18.000 euros. Perden un 65,5%.
Os grupos de traballo disporán agora dun mes para presentar as súas propostas, que serán avaliadas por unha comisión. O fallo dependerá da calidade do proxecto (80%) e o número de alumnos (20%). As cuantías máximas reduciranse tamén con respecto ao ano pasado: de 2.000 a 1.250 euros nos centros con máis de 50 estudantes, de 500 a 300 euros nos que teñen entre 50 e 25 matriculados e de 150 euros naqueles con menos de 25. Privados ou públicos, dá igual.
“O recorte é bestial e vai supoñer a perda de moitas actividades formativas e extraescolares”, advirte Valentina Formoso, presidenta da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. “Hai crise, é certo, pero tamén hai prioridades, e parecen claras. De todos os xeitos, o diñeiro non o é todo. Xa temos experiencia, sabemos o que é traballar en precario. O peor é a falta de apoio por parte da Administración. A determinada xente estorbámoslle”.
Non é o único recorte no que vai de mes neste ámbito. O Certificado de Lingua Galega (Celga), o título oficial homologado na UE, só poderase obter este ano en cinco localidades galegas e outras tres do resto de España entre os días 2 e 10 de xuño. Segundo o DOG do pasado 17 de xaneiro, a Secretaría Xeral de Política Lingüística renuncia a 29 das 37 sedes que estaban operativas en 2011. Suprime sete en España, 17 en Europa e cinco en Sudamérica.


Ningún comentario:

Publicar un comentario