13/12/11

O Valedor do Pobo ignora o artigo 5 do Estatuto de Autonomía

O Conselleiro de Educación tamén

O Estatuto de Autonomía di, no seu artigo 5, que a lingua propia de Galicia é o galego. Esta norma foi aprobada en referendo polo pobo galego o 21 de decembro de 1980.

Un libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de primaria da editorial Vicens Vives ven de recoller esta información para educación dos nenos galegos.

O Valedor do Pobo volve a estar no centro da polémica debido a un ditame sobre a lingua. Benigno López reclamou á Xunta que retire un libro de texto das aulas.

O volume inclúe un artigo do Estatuto de Autonomía sobre a lingua, citando que "a lingua propia de Galicia é o galego" pero sen explicar  que o castelán tamén o é oficial.

Velaquí o texto da polémica, que o valedor cualifica como "información inexacta e incompleta e, polo tanto, falsa".



Pedro Larrauri, líder de Unión Progreso y Democracia en Vigo, denunciou este libro de texto ante a propia Consellería de Educación. Segundo explica no seu blog, o Goberno non lle deu unha resposta clara, aínda que apuntou que non vía problema no texto. O político levou entón a súa protesta ao Valedor do Pobo.

Benigno López non só lle dá a razón, senón que carga contra a Xunta por non retirar inmediatamente  un libro "cun contido incompleto en canto á regulación estatutaria das linguas (...) sexa ou non deliberada. Como tal incontenido incompleto, produce un coñecemento inexacto do réxime xurídico das linguas oficiais en Galicia e, en consecuencia, non só carece de rigor xurídico imprescindible nos libros de texto senón que transmite unha información contraria á configuración constitucional da cooficialidade".

Resposta da Mesa e Prolingua

Dúas plataformas a prol da normalización do galego pediron a dimisión do Valedor. A Mesa pola Normalización lembra a "fobia obsesiva" de Sánchez contra o galego e que cando era xuíz negouse a usar o topónimo oficial, A Coruña. Carlos Callón, presidente da Mesa, reclama "explicacións claras" e, no caso contrario, que o Parlamento cese a Sánchez. Callón apunta que o Valedor ignora as queixas presentadas pola Mesa.

Ademais, a plataforma Prolingua, nacida ao fío da polémica redución do mínimo de galego nas aulas, argumenta que o Valedor "ignore os contidos do Estatuto de Autonomía, parece un absurdo, mesmo cómico se non fose pola trascendencia do cargo e das súas decisións".

"Desde ProLingua esiximos unha rectificación inmediata e pedimos a dimisión dun Valedor do Pobo que con esta resolución mostra a súa incompetencia para o cargo e unha teima probada contra a lingua propia de Galicia (así denominada no Estatuto de Autonomía, o mesmo que dá razón de ser ao posto cuxos preceptos máis básicos incumpre con frecuencia)", conclúe o seu comunicado.


Información recollida de Galicia Confidencial, 11-12-2013

Esta  información non acaba aquí: a Consellería de educación correxira o libro de texto. A decisión provocou unha enorme oleada de críticas, entre outros motivos porque o propio Estatuto de Autonomía recoñece como única lingua propia o galego, aínda que inmediatamente recolle que tanto o castelán como galego son linguas oficiais da comunidade.
A Mesa pediu ao Valedor do Pobo a que explique o que considera unha caza de bruxas contra a cultura galega, mentres a plataforma Queremos Galego convocou para o xoves unha concentración ante a se deste organismo. Ademais, instan á presidenta do Parlamento a que cese a Benigno López do seu cargo. Tamén Prolingua esixe a marcha do valedor, mentres que CIG-Ensino fai un chamamento aos profesores para que sigan utilizando estes manuais que están avalados pola lexislación vixente. O sindicato nacionalista reclama ao Presidente da Xunta que cese ao conselleiro de Educación, a quen acusan de levar a cabo unha cruzada contra o galego.

1 comentario:

  1. O delirio está chegando a extremos incualificables. O Estatuto dío claramente: o galego é a lingua propia de Galicia. Nada pode ser máis rigoroso e obxectivo. É como se nun libro se citase que o galego é unha lingua neolatina, sen mencionar o resto das que conforman a súa familia lingüística, e alguén dixese que hai que retirar esa publicación. Darlle vía a semellante solicitude, é algo imposible de xustificar.

    ResponderEliminar