26/02/13

Rosalía de Castro no século XXI

Unha nova ollada Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega

En 1863 Rosalía de Castro editou en Vigo Cantares Gallegos, un poemario de inspiración popular que "inaugura a cultura galega contemporánea", en palabras do profesor Anxo Angueira. Co gallo de celebrar os 150 anos da súa edición, o Consello da Cultura Galega ofrece unha versión facsimilar desta primeira edición viguesa de Cantares Gallegos, na que se desenvolven moitas das temáticas literarias de Rosalía de Castro.


25/02/13

Imaxina Cantares!

Concurso organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística


Autoría da imaxe Ruth Caramés Blanco

 Coincidindo co Día de Rosalía e coa celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convocan conxuntamente o concurso Imaxina Cantares! para que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual.
O certame está dirixido a alumnado dos centros educativos de titularidade pública coordinado por profesorado pertencente ao equipo de dinamización da lingua galega que, sempre que o traballo presentado acade os mínimos de calidade esixidos polo xurado, recibirá 8 horas de formación permanente. Ademais, para os mellores traballos establécense dous premios, un primeiro de 300 euros e un segundo de 200, en cada unha das tres categorías contempladas: educación infantil e primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais. 
150 aniversario da publicación de Cantares gallegos
O primeiro poemario de Rosalía escrito en galego, Cantares Gallegos, marca o inicio do Rexurdimento das nosas letras e constitúe un excelente exemplo de reivindicación da nosa lingua e da nosa dignidade como pobo.
Nos últimos anos, as actividades de carácter audiovisual que promoven os equipos de dinamización da lingua galega non son só as preferidas polo alumnado, senón tamén as que se evidencian como máis efectivas para dinamizar e potenciar o uso do galego no eido educativo.
Con esta iniciativa, o significado dos versos de Cantares Gallegos reinterpretarase nas formas de expresión máis atractivas para os alumnos e alumnas de hoxe –videoclips, curtametraxes, anuncios publicitarios etc.–, sempre sen perder a esencia que os consagrou como universais.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o 22 de marzo de 2013
Prazo de envío das gravacións: ata o 22 de abril de 2013

 


20/02/13

Falar

Video de Ana Moreiras baseado no relato Falar de Sechu Sende do libro Made in Galiza

19/02/13