26/12/11
25/12/11
Praza pública
Un novo medio de comunicación para a rede ten previsto comezar en xaneiro
A Galicia non lle cómpre o silencio. Para evitar que o silencio encore a Galicia nace Praza Pública, un novo xornal dixital en lingua galega. Aínda está viva a crise da prensa tradicional e a deleiba dos medios de comunicación na nosa lingua. En dous anos desapareceron da Rede e dos quioscos a maioría das cabeceiras informativas en galego e reduciuse drasticamente a pluralidade informativa. Nós non nos resignamos, nin aceptamos a condena de Galicia como terra de imposibles e de submisión. Son precisos novos medios para mellores tempos.
24/12/11
Carta da CGENDL á Presidenta do parlamento galego
Ante a postura do Valedor do Pobo sobre un libro de texto
23/12/11
Na oficina de obxectos perdidos
Un novo traballo do EDLG do IES Mosteirón
Do EDLG do IES Mosteirón de Sada chega este moi bo traballo co seu alumnado. Está baseado nun texto de Made in Galiza de Sechu Sende.
22/12/11
Converxencia solicita ao Valedor que faga cumprir a lei das sinais en galego
Converxencia XXI dirixiu un escrito de queixa ao Valedor do Pobo de Galicia, para instalo a que" faga cumprir as leis vixentes sobre sinalización viaria e corrixa centos de sinais que exclúen a lingua galega nas estradas de Galicia".
Os converxentes denuncian que "ninguén foi quen de facer cumprir a actual lexislación, que leva vixente desde os anos 80, e na que se especifica que a sinalización de estradas, aeroportos, estacións ferroviarias, de autobuses, marítimas e servizos públicos deben estar "na lingua castelá e na outra lingua oficial da Comunidade Autónoma" e que "os topónimos galegos terán como única forma oficial a galega".
Deste xeito Converxencia pretende "chamar a atención sobre as verdadeiras funcións que debe desenvolver o Valedor de Pobo". Este cargo pediu este mes a retirada dun libro de texto por citar o artigo do Estatuto que di que o galego é a lingua propia do país sen citar o punto que lembra que o español tamén é oficial, cooficialidade que estaba explicada poucas páxinas antes no mesmo libro.
Fronte ao énfase do Valedor contra o libro de Vicens Vives, que a Xunta xa mandou corrixir, Converxencia lémbralle a este cargo que no caso da vulneración da toponimia nos letreiros oficiais "non se coñece que ninguén fose investigado ou sancionado por esta neglixencia continuada durante case 30 anos".
21/12/11
As autoridades do SERGAS son moi simpáticas
Gustaríanos saber se son máis eficaces na súa xestión
As anécdotas do Sergas
Para celebrar o vixésimo aniversario do Sergas as actuais autoridades sanitarias non tiveron mellor ocorrencia que poñer en marcha un concurso de anécdotas. Para saber do que estamos a falar vou reproducir textualmente dous exemplos, e pido excusas por anticipado: -Butano: “Box de Urgencias. Anamnesis del facultativo a un EPOC severo: -Y dígame, usted tiene oxígeno en casa? Y responde el acompañante: -Ai, non, nós na casa temos butano”. -Mamadafría: “Estando en el mostrador de cita especializada se acerca un hombre seguido de su mujer y me dice: ´A ver, que veño ca muller do ginecólogo e dixo que lle hai que facer unha mamadafría`. En principio no supe ubicar la prueba a la que se refería, pero al instante se me iluminó la bombilla y dije: ´¿una mamografía?, si eso eso, pero que seña pronto. Bestial!!! (…). Me tuve que levantar para buscar el documento correspondiente (y partirme el culo de risa de paso, jejejeje)”. Estas mostras de humor burdo e tabernario non foron recollidas na barra do bar nin están editadas nun opúsculo clandestino: están publicadas na páxina principal da web do Sergas, xusto debaixo do logotipo da Xunta. Milleiros de profesionais acceden diariamente a esta páxina e atópanse con estas pezas literarias de dudoso gusto. A grande maioría das anécdotas recollidas reflicten un esquema clásico: o señorito da cidade que xuzga con menosprezo ao paisano do rural, que fala galego. Un médico amigo, indignado coa lectura destes textos, envioulle unha carta á conselleira: “Que na intranet dun servizo público teña cabida un concurso de anécdotas nas que algun gracioso insensato poida publicar acontecementos que ocorren cando un cidadán pide algun tipo de axuda é inaceptable. (…) Atendemos a unha poboación diversa, con diferentes niveis educativos, diferentes culturas e temos moitos usuarios de idade avanzada…Suponse que escollemos unha profesión para comprender problemas de diversa índole e non para mofarnos dos demais. Pregúntome onde queda o noso respecto polos pacientes”. Ainda non obtivo resposta. Eu tamén considero que esta iniciativa é unha absoluta falta de respecto aos usuarios dos servizos sanitarios. Todas as persoas que utilizan a sanidade pública teñen dereito a recibir un trato respectuoso e cordial, e os profesionais temos a obriga de ofrecer unha atención correcta. Pola contra, na maioría destes textos, dunha calidade literaria infame, exprésase unha actitude irrespectuosa e despectiva cos usuarios (o paisaniño, a maruxiña..), unha evidente vulneración da obrigada confidencialidade e un completo desprezo polo idioma galego. Como ben apunta un comentario irónico: “Moi boas anécdotas. Vexo que combinades o castelán co swahili á perfección. É o que tén coñecer o idioma dos nativos”. As autoridades sanitarias, na vez de impulsar unha iniciativa tan inapropiada, deberían: -formar aos traballadores do Sergas para prestar unha atención humana, cordial e respectuosa, con independencia da extracción social, nivel educativo e instalación idiomática dos pacientes. -procurar que todos os profesionais dos servizos de saúde coñezan e poñan en práctica os principios éticos da boa práctica profesional. -fomentar a utilización do galego na relación cos usuarios, que pode producir beneficios para a saúde dos cidadáns e do propio idioma. Con esta orientación o XX aniversario do Sergas serviría para mellorar a calidade dos servizos e procurar unha maior satisfacción dos cidadáns. Mentras non se poñan en marcha iniciativas nesta dirección eu reclamo, desde esta humilde páxina, que supriman esta páxina da intranet, que resulta tan denigrante para os nosos pacientes, e que pidan disculpas públicas os responsables de tan insensata iniciativa.
Por Pablo Vaamonde | en "Galicia Confidencial", A Coruña | 21/12/2011
20/12/11
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






