13/01/12

A campaña publicitaria de GADIS e o uso do galego: é consecuente?

Vivamos como galegos


Carta aberta en Prolingua de Ramón Ruíz Dopico : Traizón do GADIS

Decepción e tristura son as palabras que mellor reflexan o meu sentir cando neste último mes puiden contemplar como se exclúa o noso idioma propio da publicidade, cartelería, rótulos… e todo o relacionado coas dúas tendas que Gadis ten a día de hoxe en Viveiro, unha das cales (a situada en Magazos) foi reinaugurada nestas fechas.
Hoxe entrei na tenda por primeira vez logo da reforma e puiden contemplar como o idioma galego foi eliminado por completo. A verdade é que sentín unha gran pena, sentimento totalmente contrario ó orgullo e felicidade que sentín días antes, cando pouco despois das badaladas de fin de ano emitiron o anuncio de “Vivamos como galegos”.
¿Acaso vivir como galegos está reñido co idioma galego? ¿Entenden os señores de marqueting e merchandising do Gadis que o idioma galego non é digno de ser incluído nos folletos e carteis, polo menos, a carón do castelán?¿ Ou é que “precisan” diñeiro público, ou sexa “subvencións”, para que o idioma desta terra teña unha presenza nas súas tendas?
Son comerciante, levo 18 anos cara ó público, e podo dicir que a maioría da xente que entra nas tendas de Viveiro son galego-falantes. Tamén sei que á maioría da xente lle dá igual, que nin sequera se dan conta diso, que pasan do tema. Eu non, non quero resignarme, a min non me dá igual recoñezo que nos tempos que corren para a nosa cultura e o noso idioma, o que eu estou a dicir pode atopar enfronte expresións coma “radical”, “tontería”, “que mais che dá”,ou as preguntas do millón ¿ e logo non entendes o castellano?, ou ¿ti non es “español?”
Entendo e falo castellano coma calquera de Valladolid. Síntome español (polo de agora) coma calquera madrileño, fun militar durante a miña xuventude e cumplín con España coma calquera asturiano, leonés, andaluz ou mallorquín, pero nunca renegarei da miña patria natural, Galicia, do idioma da miña xente, da miña familia, dos meus pais e avós e coido que se ser “español” leva consigo o renunciar a unha parte imprescindible da miña personalidade e da miña maneira de situarme no mundo, pois entón a miña concepción de España, por desgracia vai cambiar irremediablemente.
Recoñezo a Gadisa como unha creadora de riqueza e postos de traballo no noso pais e oxalá xurdiran moitos mais empresarios da talla do falecido Sr Tojeiro (ó cal Galica estalle agradecida) pero teño que discrepar na maneira de actuar desta empresa.
Señores do Gadis, unha cousa é predicar e outra é dar de comer. É mágoa que outras cadenas de fóra de Galicia (por exemplo Eroski) teñan mais respecto que vostedes polo noso idioma.
Oxalá poidan ler esta carta algún dia e que lles faga reflexionar.
Pola miña parte, só me gustaría que se dignaran a perder dez minutos (como perdín eu) e me contestaran a estas preguntas:
¿Por que? ¿Que é o que fixemos mal (se acaso o fixemos) os galegofalantes, para merecer este desprezo?
Sen mais saúdaos, un cliente (polo de agora), e lembren ¡Vivamos como galegos!

12/01/12

A malla das telecos

A Malla das Telecos é un espazo onde se analiza todo o que ten a ver coas operadoras de telefonía e Internet, tratando de poñer orde e explicar de xeito sinxelo a diversidade de compañías, tarifas, ofertas e promocións, ademais de dar algún que outro consello para tratar de aforrar nas nosas facturas.


 

11/01/12

Celso Emilio Ferreiro: Agardarei

Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Guadi Galego interpretan este poema musicado do autor

Canción interpretada na sala Ultramarinos de Santiago o 21 de decembro de 2010, coa letra do poema de Celso Emilio Ferreiro e musicada no ano 1975 por Luis Emilio Batallán

10/01/12

Creatividade nas aulas do Morrazo

Os alumnos de Secundaria e Bachillerato do Instituto As Barxas de Moaña gañan o premio Crearche do Ministerio de Educación ao fomento da creatividade no ensino.

En plena marexada de recortes e con moi escasos medios, os estudantes distinguíronse coa creación dun blog onde colgaron 25 traballos audiovisuales de calidade nun curso.
1ªAventura da Muller Lamprea

A realización das curtametraxes coa técnica do stop-motion ou cadro a cadro, que simula o movemento a partir da sucesión de imaxes fixas, supuxo unha revolución no instituto moañés. Dunha idea para as clases da profesora de Plástica Luz Beloso hai tres anos,  foise evolucionado co tempo a unha ferramenta multidisciplinar, con aplicacións en economía, en música pasando pola lingua, con especial fincapé no galego. "Os estudantes non traballan xa para a nota senón porque se implican nas actividades", relata Beloso, para quen o director, Carlos Chapela, só ten palabras de eloxio. Ela chancea sobre o súbito auxe da expresión artística no instituto, cuxos alumnos cosechan premios uno detrás doutro. "É que os de Ou Morrazo son moi artísticos", ri.
Como se fixo: "making off da muller lamprea"
Dende unha curtametraxe publicitaria para as clases de Economía a un vídeo para a promoción da lectura que acaba en lección sobre o alzhéimer, pasando por unha recreación da película dos anos oitenta O club dos cinco ou o conto con trasfondo de denuncia da primeira aventura da muller lamprea, o instituto enteiro sumouse con entusiasmo á proposta, que saíu adiante malia as limitacións e está dispoñible na Rede no sitio educortos.blogspot.com. Unha cámara, un ordenador e un proxector foron o único do que se serviron os alumnos, que compensaron os exiguos medios con traballo. Cada estudante tiña unha función asignada, e os que non eran actores participaban na elaboración do guión ou o manexo da cámara.
Os 24.000 euros do galardón destinaranse, como esixían as bases do concurso, a adquirir novo material, pero non aliviarán os serios apuros económicos do instituto, que fai malabarismos para cadrar os orzamentos. Recórdao Chapela, que resopla no frío da entrada, coa calefacción apagada por imperativo económico. Precario tamén é o estado dalgúns teitos, co chan da sala de profesores enche de cubos para atajar as goteras, que se multiplican cada vez que chove. Veu o aparellador da Xunta e díxonos claramente que non hai diñeiro", resume.

09/01/12

Revista Galega de Ensino

Publicado o número 62 da Revista Galega do Ensino do 2º Semestre de 2011
Centrado no valor educativo das redes



07/01/12

Valoración da CGENDL sobre a xestión do Secretario Xeral de Política Lingüística

A CGENDL despide ao Secretario desaprobando a súa xestión e lamentando a herdanza que deixa, nomeadamente no ámbito do ensino, no que a lingua galega sufriu unha involución lexislativa sen precedentes

Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos, se lanzou un discurso negativo ao redor do idioma e se crearon novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ámbito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL.
1/ A derrogacción do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os estudos obrigatorios con plena competencias en ambas linguas oficiais.
2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular no ensino e imposibilita que a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico se impartan en galego, contribuíndo a desandar o lento camiño que se trazara na dignificación da lingua.
Ademais de acentuar o desequilibrio entre as linguas oficiais, ao abeiro deste regulamento equiparouse o ensino das linguas estranxeiras ás linguas oficiais e creáronse os centros plurilingües, nos que calquera materia se pode impartir en inglés ensaiando a inmersión neste idioma, mais non se establecen os mecanismos para asegurar que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
3/ A supresión, en contra da opinión do profesorado e das familias, das exitosas liñas de galego en Educación Infantil que posibilitaban un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización. Así mesmo, a enquisa programada para escoller a lingua nesta etapa, ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, elimina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semiurbanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.
4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidade educativas especiais.
5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.
6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.
7/ O abandono dos Equipos por:
  • O desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua.
  • A falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos.
  • A ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación do traballo, etc.
  • A falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.
  • A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.

05/01/12

Morreu Isaac Díaz Pardo

Aos 91 anos e cunha obra intelectual enorme morreu este xoves o pintor e ceramista Isaac Díaz Pardo. Unha figura clave para entender a supervivencia da cultura galega no franquismo.

  Isaac Díaz Pardo faleceu  o 5 de xaneiro en Santiago de Compostela, logo de semanas cun delicado estado de saúde. A súa última aportación ao mundo da cultura e da política foi unha carta que remitiu ao homenaxe de Xosé Manuel Beiras na que lamentaba non poder estar nese acto celebrado o pasado 17 de decembro.

  Máis información en Galicia Confidencial