18/06/12

Xornada de avaliación dos CELGA

O 28 de xuño en Santiago

A CTNL organiza unha Xornada de análise e avaliación dos Celga, co obxectivo de analizar o sistema de formación e de acreditación e de facer unha proposta de mellora. Terá lugar o 28 de xuño na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela e o prazo de inscrición está aberto.

 
  Obxectivos xerais
-Analizar e avaliar o sistema de acreditación do coñecemento de galego.
-Analizar e avaliar o sistema de formación en lingua para persoas adultas.
-Facer unha proposta de mellora tanto do sistema de acreditación como do sistema de formación en lingua galega.

Contidos que se tratarán
-Análise e avaliación xeral da implantación dos Celga dentro do proceso de normalización lingüística: a capacitación real da cidadanía e do persoal da administración e os requisitos en procesos selectivos, listaxes de contratación, etc.
-Análise e avaliación do sistema de acreditación dos Celga: as validacións e o modelo de acreditación.
-Análise e avaliación dos cursos de formación preparatorios: organización e xestión, metodoloxías e contidos, profesorado, selección de persoal e condicións laborais, etc.
-Proposta xeral de mellora do sistema.

Persoas destinatarias
-Profesorado colaborador de cursos Celga.
-Avaliadores/as das probas Celga.
-Técnicos/as de normalización lingüística.
-Responsábeis de entidades relacionadas coa lingua.
-Persoas interesadas en xeral.

Lugar
-Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela [Localización]

Dinámica da xornada
-A idea é que esta xornada sirva para analizar e avaliar tanto o sistema de acreditación do coñecemento do galego e a súa implantación, como o sistema de formación en lingua para persoas adultas e, a partir de aí, facer unha proposta de mellora. Para iso, na xornada haberá diversos relatorios e mesas de traballo sobre aspectos concretos do sistema e espazos para o debate. Partirase dun documento base de análise e proposta que será discutido, completado, etc. Este borrador-proposta de documento seralles remitido ás persoas anotadas uns días antes da xornada.

Inscrición
-A inscrición é de balde, e debe facerse a través do formulario que está ao final desta información.
-O número de prazas está limitado a 200, que se adxudicarán por orde de inscrición, dándolles preferencia, en todo caso, ás/aos socias/os da CTNL.
-O prazo de inscrición remata o 23 de xuño, e a listaxe de persoas admitidas publicarase no web da CTNL o día 25 de xuño.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario