O proxecto chamado ABERTOS AO GALEGO, arrinca con 62 empresas –entre as que se atopan librarías, bares ou tendas de roupa– e está aberto a todas as empresas que desexen adoptar e desenvolver compromisos para a normalización da lingua galega.
O obxectivo desta iniciativa é crear unha rede de dinamización do uso do galego no ámbito socioeconómico, que "sirva de apoio e de referencia social".
O certificado conta con catro niveis:
NIVEL UN. Empresas e organizacións que adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego.
Os requisitos mínimos para as empresas son o uso non deturpado da toponimia e o cumprimento da lexislación lingüística, e para as organizacións, o establecemento de medidas concretas para o uso do galego.
NIVEL DOUS. Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego. No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e aparecerá salientada ou en primeiro lugar.
NIVEL TRES. Aquelas que ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade, etc.
NIVEL CATRO. Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións. Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.
O certificado concédese cunha validez anual. Ao longo deste tempo, avaliarase de novo o cumprimento das condicións para ver en cal dos catros graos do certificado se encontra a entidade que o ostenta. A Mesa realizará un seguimento específico da aplicación das medidas nos prazos acordados coa entidade correspondente.
Para máis información pódese consultar a páxina web deste proxecto: Abertos ao Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario